martes, 21 de octubre de 2008

As Piejas




Por aquí chámaselle pieja ( piega pronunciada con jeada) a esa peza de madeira que se pon nas patas dos cabalos para dificultarlles os movementos. Tamén lle chaman tranca, cepo, etc.. según os lugares. Consiste nunha peza en forma de “Y” de máis de medio metro de largo de modo que o pé do cabalo queda na gallada e se cerra por un pao transversal entre entre as dúas ramas curtas da “Y”. Así posta non lles deixa andar con normalidade, impedíndolles os desplazamentos.

A besta da foto levaba posta unha pieja cando se puxo de parto, quedou apresada nunha mala postura hasta que se lle axudou e escapou, xa sufría un importante prolapso, pode que acabara mal.

¿Por qué se usaba? Pois é ben fácil de entender: antigamente na Capelada non había carreteras nin coches, os desplazamentos eran pé ou a cabalo por corredoiras e camiños. Algúns cabalos, coma hoxe, estaban ceibos no monte e podían andar libremente por toda A Capelada, iso significaba que alguén de, por exemplo, Reboredo, cando necesitara coller os seus cabalos tiña que andar en busca deles, e podían estar mesmo na Vacariza, case na punta do Cabo Ortegal, dando máis de un día de traballo. Entonces a xente discorreu este invento, que posto en cada cabalo individualmente, ou nalgún xefe da manada, disminuialle dun xeito considerable a súa capacidade de desplazamento. Facilitándolle a súa localización e manexo a os seus proipetarios.
Evidentemente naqueles tempos non se oira falar do Benestar Animal, e aínda faltaba moito para conseguir mesmo o benestar da xente. Eran outros tempos, duros, moi duros, para persoas e cabalos.
Hoxe queda alguén que o sigue usando. Non é habitual, pero nalgúns lugares concretos aínda se poden ver ás veces bestas con piejas. Agora non ten escusa nin disculpa o seu uso. A vida cambiou moito, e aquela explicación que podía xustificar o seu uso en tempos pasados xa non sirve. Temos carreteras, temos coches, os que andan nestes asuntos é frecuente que teñan un remolque para levar animais, temos curros e cerres para facilitar o manexo dos cabalos, polo que as piejas se fan totalmente innecesarias.
Causanlles varios contratempos aos cabalos: o primeiro e máis evidente é que lles dificulta os movementos naturais, poñendo en ocasións a súa vida en perigo, como na vaga de incendios de hai un par de anos, na que morreon ducias de cabalos que non puideron escapar do lume. Aquí non temos lobos, pero de vez en cando aparecen algúns cans “salvaxes” que atacan o gando, que de non ser por este artefacto poden escapar e defenderse. Tampouco e raro que se quede enganchado en ramas ou pedras quedandoo cabalo atrapado, ás veces ata morrer. E por suposto, causalles lesíons na zona onde se lles pon, sendo habitual ver as patas dos cabalos “en carne viva” pola súa causa.
O seu uso está prohibido e é sancionable, cando vexamos unha temos que denuncialo, pero isto é máis fácil decilo que facelo porque normalmente o cabalo é dun veciño, e a nadie nos gusta ter que denunciar un veciño, e menos por algo que pensamos que non vai con nosoutros. O outro gran problema é identificar ao propietario, porque a maioría dos cabalos que andan polo monte de momento están sin identificar (e non como as vacas que levan as chapas nas orellas), o que fai difícil saber a quen hai que sancionar se non se pilla “coas mans na masa”. A solución pasa por concienciar á xente de que non as use, e para os que se resistan as autoridades (locales e autonómicas principalmente) poden actúar de oficio, tomando as medidas oportunas, tal e como veñen recollidas nas leis.
Non é un problema de gran trascendencia, arreglar isto non vai solucionar a crisis económica, nin o cambio climático nin o problema mundial de turno, pero… que lle pregunten ao cabalo.




















P.D. Este blog non é ningunha creación artística, nin eu son artista nin moito menos, pero en certo modo fai falta inspiración para poñerse a escribir algo. E hai veces que un non está para certas cousas, por iso o teño algo , bastante, abandonado, pero con propósito de enmenda.

4 comentarios:

  1. A verdade é que a pieja, teñoa visto practicamente en tódolos montes nos que hai cabalos, dende a serra do Barbanza ata o campus de Vigo (onde si, aparte de universitarios tamén hai cabalos soltos e cans asilvestrados), pensaba que poñíaselle a un animal que dera marchado lonxe xa unhas cantas veces a modo de control e castigo de forma temporal. Non que se usara coma modo de control do desprazamento de xeito habitual. En fin que país...

    ResponderEliminar
  2. Buenas, ahora ya te tengo en el punto de mira e iré viendo qué te pasa por la cabeza, jajaja.

    Dale al Ubuntu algún día, abre tu mente myfriend.

    Nos vemos.

    ResponderEliminar
  3. Por cierto, me encantan tus sabuesos, me pierden, jajaja.

    ResponderEliminar
  4. Lembro a primeira e única vez que vin un cabalo cunha piega (non sabía como se chamaban). Foi na Capelada e eu (inocente de min) pensei que o cabalo se mancara e se enganchara cunha ramalla ou algo asi (vino de lonxe) e achegarame a el con intencion de (non sei de que maneira) axudar. Pero logo vin o que era. Agardo non ver mais cabalos nesa situacion, e se os vexo, penso que non me vou cortar en denunciar... inda que me gañe inimigos... uns poucos mais... :D

    ResponderEliminar