martes, 31 de mayo de 2011

As capillas do Socorro

Socorro Vello, en Meizoso
Xa temos aí o día da festa do Socorro, que como xa teño comentado aquí algunha vez, últimamente se ven celebrando o primeiro domingo do mes de xuño, aínda que o día verdadeiro sexa o 27 do mesmo mes. A capilla xa se vía detrás da tía Andrea na foto que foi portada deste blog por máis dun mes (de novo disculpas). Pero nunca vos contei a historia das capillas (nunca oín a ningún veciño decir capela, e o termo “ermida” úsase na toponimia do lugar pero non para referirse á construcción directamente, curiosidades).En Meizoso temos unha , a do Socorro Vello, e en Viduido hai outra, a do Socorro Novo, que por certo, nos mapas soen vir ao revés. Pero ¿por que hai dúas tan próximas e baixo a mesma advocación?

A de Meizoso foi fundada o 26 de xuño de 1690 como “Capilla de Nuestra Señora del Socorro y San Antonio de Padua”, sendo o seu primeiro capelán Pedro Fernández de Lago, pero o edificio orixinal xa non existe, o actual é máis moderno, disque do século XVIII.  Foi sempre de titularidade privada, e isto é un detalle moi importante para entender a historia de por que hai dúas tan próximas, e pasamos a contalo: A principios do século XX houbo diferencias entre o propietario da capilla e o cura que viña misar a ela, que, igual que hoxe, era o de San Andrés. As diferencias viñeron dadas pola xestion das limosnas que se depositaban na boeta, querendo o cura ter el a chave para poder dispoñer delas, ao que o propietario se negou. Como consecuencia do desacordo deixou de celebrarse culto en Meizoso pese á insistencia dos veciños ante as autoridades eclesiásticas. Estuvo pechada durante uns 50 anos, pois non foi ata 1960 (ano máis ou menos) cando se volveu oficiar misa nela.
A solución á que se chegou foi facer outra capilla no Viduído, un par de quilómetros antes  de Meizoso na ruta do camiño de San Andrés. Os veciños doaron o terreo e fixeron unha nova, que remataron en 1913, e esta si, de titularidade eclesiástica.




A primeira festa que se fixo en Meizoso despois de ser aberta ao culto de novo foi aló a mediados dos 60, daquel día son as fotos en branco e negro que ilustran estas letras. Foran da comisión Pepe de Vicente e meu pai, Andrés, que daquela rondarían os quince anos, e disque quedaron empeñados en vinte pesos cada un. Trouxeran de músicos a Lira, de Ortigueira. Tempo adiante, ao ter dúas capillas tan próximas coa mesma celebración houbo que buscar unha solución para o día da festa, e esta foi celebralas alternamente un ano en Meizoso e outro en Viduído. Este ano, se non me equivoco, toca en Meizoso.



Procesión de 1965 (ano máis ou menos)


Xa tiñan este sistema cando a festa das fotos en cor, son do 1 e 2 de xuño de 1985,  eran da comisión Antonio, e outra vez meu pai. Desta volta gastaron na festa, según pon na libreta que teño aquí nas mans, 180.300 pesetas. Trouxeran a orquesta Nova Lira de Villalba, o grupo folclórico Angarias e o grupo que daquela formaban Lino, os do Triqui e supoño que algún compañeiro máis (aceptanse aportacións de datos). Nota posterior: Xa houbo aportación de datos: o grupo era Debadoira, integrado Por Lino Bellón, Xavier Carro, Tiano Labraña, Santi e Roberto do Triqui e ás veces acompañabaos tamén o seu pai. Gracias Pilar pola aportación.

O ramo, que fora subastado en 6200 pesetas.

Meu tío Pedro de fogueteiro atrás dos gaiteiros
Pero aínda hai máis celebracións do Socorro en Cedeira, pois o 27 de Xuño de 2006, Manuel Sánchez Monge, Obispo de Mondoñedo-Ferrol firma o Decreto polo que se declara (cito textualmente) “Patrona del Cuerpo de la Policía Local de la Villa de Cedeira (A Coruña) a la Bienaventurada Virgen María bajo la advocación de Nuestra señora del Perpetuo Socorro”, e desde aquela a Policía Local de Cedeira celebra a súa patrona o 27 de Xuño.

 
Procesión no Viduído, haberá uns 10 anos
O que aquí conto é un breve resumo do que recopilei en publicacións, documentación antiga e recordos propios e alleos, se alguen ten algo que aportar, atopa algun erro ou pode precisar mellor o que digo que non dude en decilo. Espero que non me quedara demasiado beato, xa dixen máis veces que non son especialmente relixioso, pero unha cousa non ten que ver co a outra, e temos que mirar do noso.

Churrascada baixo os castiñeiros , Viduído.


3 comentarios:

  1. Efectivamente este ano toca en Meizoso, a pesar de que o cura, deus saberá por qué, puxo moito empeño en querer celebrala no Viduido.
    Houbo que facerlle fronte e finalmente celebrase a misa onde corresponde.
    Como ven comenta Juanma viñase celebrando dende fai anos o primeiro domingo de xuño. Este ano non. O cura empeñouse en que fose o sábado 4 de xuño e así será.
    Recordo vagamente outros tempos: sacábase á procesión o ramo de roscóns, soaba a música das gaitas, e había numerosas merendas acampadas nos prados dos arredores...
    Coido que é unha pena que se perda a tradición.

    ResponderEliminar
  2. A tradición que parece que non se perde é a de "discrepancias" cura-veciños, e así levamos cen anos, jejeje

    ResponderEliminar
  3. A ver se podo ir por ahí e aproveito a ver a capela por dentro :)

    ResponderEliminar