martes, 22 de noviembre de 2011

Noite na Capelada






Van cinco meses desde a última entrada, e non é porque xa non queden  cousas que contar e amosar  na Capelada, pero cando non sobra o tempo hai que priorizar. Estes meses foron ben axetreados para min, asuntos de estudios, traballo e ocupacións varias tuveronme alonxado do blog, pero todo foi por cousa boa e mereceu a pena. Empezamos etapa nova na vida, e o blog vai seguir conmigo.

Xa dixen máis veces que o xerme deste blog foi o meu gusto pola fotografía, naceu para ter un sitio propio onde enseñar as miñas fotos, aínda que sin darme conta foi derivando noutra cousa, non sei moi ben o qué, pero outra cousa. Hoxe temos máis ferramentas, a galería de picassa que está á dareita, e o Facebook, onde é moito máis áxil e cun intercambio máis directo, pero isto ten que seguir. E de volver a esas orixes fotográficas vai a entrada de hoxe.

Unha noite de inverno na Capelada hai varias opcións cando pensas que facer, a máis razonable e sensata sería quedar na casa ao pé do lume da cociña de leña, e, se o porco bravo deixou algunha, asando unhas castañas, e cantos máis mellor. 


Pero outras veces dame por saír fora, normalmente fai frío, pero hai moi pouca xente que  teña disfrutado da vista das estrelas desde a Garita de Herbeira nunha noite pechada, e cando deixas de mirar para arriba e miras para os lados podes contar os faros que están alumbrando na noite: Estaca de Bares, Frouxeira, Prior, Torre de Hércules,  Sisargas... Si, todo iso vese desde alí arriba. E despois pódese baixar a San Andrés; lonxe quedan os anos en que o pasar de romeiros a pé era algo continuo, e facían noite, durmindo nas cabanas ou onde podían, pero agora van nos coches escapando  antes de que se vaia o sol.

Pola noite hai unha iluminación ornamental darredor da iglesia, e tamén está iluminado o camiño do cemiterio, así non hai lenda, meiga ou alma en pena que resista, pero terán que adaptarse. Esa luz nas fotos da unha tonalidade verdosa que non axuda moito, pero é a que hai, peor é o fallo de non acordarse de iluminar o campanario, que tuven que alumbralo eu pola miña conta para facerlle a foto. Pero isto son detalles sin importancia, o máis complicado para facer unhas fotos nocturnas en San Andrés é que o adro está pechado con chave, se o Sixpac non minte gran parte do adro é vía pública, de todos, pero hai alguén que pensa que pode pasar a chave...


Xa que estamos por San Andrés, sin duda, a capital turística da Capelada (e seguramente da comarca), na que hai continuos, e merecidos,  investimentos das administracións públicas, pero que non acaban de “lucir”, a imaxe do sitio máis aló do pintoresco que poida ser é mala: tenderetes, chiringuitos, plásticos e toldos variados que son criticados por todo aquel que pasa por alí, e aínda así funciona. Estes días ven na prensa que van gastar centos de miles de euros en igualar as fachadas para ter unha imaxe uniforme no pobo, e, según din na nota de prensa, preservar a arquitectura tradicional, o que é moi boa iniciativa, poñendo as casa igual que a igrexa,  pero hai un erro moi grande en todo iso:

 Ese encintado blanco con algunhas pedras vistas polo medio, non é nin de broma, o tradicional da zona,  non ten unha antigüedade de máis dunhas poucas décadas, se non me equivoco, da época de Don Julio, o anterior cura e que aínda hoxe se bota en falta, que quizais imitando o que sí que era típico da súa zona de orixe arreglou así a igrexa, e co tempo foron imitando máis ou menos chapuceramente nalgunha que outra construcción e mesmo chegou ata a nosa capilla do Socorro de Meizoso.

Non me atrevo a decir que o axeitado sexa quitar ese encintado da igrexa, pois certamente xa é característico e é o de sempre para os que teñan menos de 50 anos, pero o que sí que é un erro claro e pretender  estender esa estética a todas as casa do pobo. Para ver a construcción tradicional da zona hai que dar unha volta pola Capelada, polas aldeas onde quedan casas vellas, case todas abandonadas, que escaparon ás uralitas, recebados e ventanais de aluminio, e en ningún caso aparece ese encintado con encalado branco, como tampouco hai nada empedrado con lousas como ese adro. Calquera cambio para imitar iso sería artificial, case me atrevería a decir que sería como converter o pobo nun decorado para os vistantes. A miña opinión, claro, que non son experto en arquitectura tradicional nin patrimonio nin da diso, por motio que me guste o tema.


Remato: con esta entrada de hoxe non pretendo incitar á xente a andar de noite pola Capelada,  é máis, recomendo que non se faga se non eres un veciño ou bon conocedor da zona, non pasa nada por ir a San Andrés, pero hai que extremar as precaucions co gado no asfalto ao andar no coche, como sempre, e por moito que ancheen hai que ir amodiño, que unha vaca ou unha besta aparece onde menos se espera, e somos nosoutros os que nos metemos no seu territorio, non ao revés. Decía, non  incito a andar de noite por aí fora, so pretendía  explicar porque me sinto un privilexiado por ter a oportunidade de facelo, e non hai moitas cousas no mundo polas que cambiaría ese privilexio...


Saúdos a todos, prometo non tardar tanto en volver.

2 comentarios:

  1. Concordo en que non se debía extender o encintado ese da igrexa ó resto das casas. Que se invirtan cartos en mellorar a aldea paréceme ben, que boa falta lle fai, pero como ti dis, mellor conservando o tradicional da zona. Inda que non sei, non consigo imaxinalo como algo que vaia suceder non sei porqué. Estiven na aldea de Sedeca no Courel, que está rehabilitada e é das aldeas mais fermosas que nunca vin, pero non é unha aldea que se dedique ó turismo na forma que se fai en Teixido. E inda que considero que os habitantes de Teixido deberían de ser os primeiros en mellorar a imaxe da aldea... pois como que non o vexo. Pode parecerlle raro a calquera iso, pero creo que ti ben me entendes :D
    Moi bonitas as fotografías como sempre, e moi boa entrada no blog, que xa era moi esperada!

    ResponderEliminar
  2. Benvido de novo ao mundo dos blogues vivos dende a entrada adicada á Porta Aberta ao mundo dos mortos.

    COincido contigo e Fati na oportunidade, agora ou nunca, de retornar San Andrés ao estilo tradicional capelado. Efectivamente a decoración, "Estilo turrón do duro" en feliz frase de Rafael Usero, a parte de sere moi discutible esteticamente foi unha inventio dos anos 68 ou así do magnífico Don Julio Ladra, que tan boa lembranza deixou entre o vecindario e os que tivemos a oportunidade de tratalo, bastante diferente ao actual pecha-cancelas, fumiga-muros, engrella-fontes e recada-cartos. Se pretenden uniformar o estilo decorativo que sexa co estilo tradicional capelado de pedra espida ao fronte. Non sería tan difícil. Por se non se acorda alguén só hai que mirar as fotos de hai cincuenta ou sesenta anos: aí che queda unha idea, que ben sei non che fan falla, pra unha entrada que, a non tardar tanto coma esta, podería moi ben completar con documentación fotográfica histórica esta moi traballada, meritoria e linda sesión de foto nouturna que nos regalaches hoxe.

    Que ledicia saberte de novo andando!

    UNha aperts

    ResponderEliminar