martes, 10 de agosto de 2010

25 anos de Robaleira



Recordo de pequeno como en Meizoso argallaba nun vello acordeón que andaba polo faiado, disque fora de meu pai, que llo compraran cando era un rapaz. Pero meu pai na casa tiña, e ten, un Guerrini, de cor verde, que a min me parecía enorme e inabarcable, hoxe sei que é pequeno, e máis cando o comparo con outro de 120 baixos (creo que se di así) de máis recente adquisición.



Este  podería ser o inicio de como me convertín en músico, pero non, estes detalles son toda a miña vinculación coa música. Nunca me deu por ahí, de catorce primos que somos penso que so dous o tres non sabemos tocar ningún instrumento. Pero iso non quita de que me guste, e no fondo envexe aos que saben, pero o seu esforzo lles costou.







Estes días anda Robaleira celebrando o seu vixésimo quinto aniversario. Xa van 25 anos desde que a Robaleira , de Cedeira,  botara a andar, e eu, que pouco paso dos 30, os recordo sempre. Moitas veces acompañaron en Meizoso á Virxe do Socorro na procesión darredor da capilla, e outras tantas no Viduido (lugar que é cuna de músicos). A  nosa Rapa das bestas non ten o mesmo son se non andan por alí algúns dos rapaces de Robaleira. Anduveron tamén pola terra da miña nai, recordoos na romería de Santa Lucía, aínda que aquilo “é territorio” de Airiños dos Carrís, dos que tamén gardo agradables recordos e que non hai moito que fixeron tamén os vintecinco anos.




Nos pobos e vilas da nosa zona (Cariño, Ortigueira, Cerdido, Moeche, Cedeira…) estas agrupacións significan máis que a música ou o baile (que xa é moito). Son un centro de reunión, de dinamización da vida social e cultural dos rapaces. Son unha excusa perfecta para facer amigos e viaxes das que sería complicado convencer aos pais se non foran coa banda. E levan , como non, o nome do seu pobo aló onde vaian.



É habitual que todas pasen por crises, problemas, os rapaces que cunha idade marchan e teñen que deixalo, directivas que teñen que tomar decisións complicadas, etc, etc... Pero sempre hai que apoialas, polo que fan e polo que representan para a nosa cultura. 

Así que desde aquí, moitas felicidades a Robaleira, que cumplades moitos máis.


Nota: Non é habitual que eu publique fotos de persoas sen a súa autorización expresa, supoño que neste caso non haberá ningún problema pero se a alguén lle causa algunha molestia salir nalgunha foto que mo comunique.


2 comentarios:

  1. me gusta.podrias poner mas fotos.gracias

    ResponderEliminar
  2. un bo blog!si señor...
    espero q te pases polo meu e lle peges unha ollada!
    un saudo!

    ResponderEliminar