martes, 15 de marzo de 2011

El otro cambio

Recordo aquel día, eu so tiña catro anos, pero o recordo. Era un domingo pola mañá, ese día diferente para todos, e máis cando eres neno, porque non hai escola, e aínda que o traballo de meu pai nunca entendeu de domingos nin festivos aquel día coincidía que si, estaba na casa. Eu estaría na cama pero el xa viña de ir ver ao seu amigo da librería Canosa co periódico na man, La voz de Galicia era, e daquela, o suplemento dos domingos chamábase Antena Dominical, estamos falando do 28 de novembro de 1982.

Ao pasar follas da Antena  empezou a chamar por nosoutros, acababa de ver isto:



Era a súa madriña: a tía Andrea, irmá da miña bisavoa Josefa (avoa materna de meu pai), que nacera cando remataba o século XIX , e viveu, solteira e sen fillos,  máis de 90 anos na casa da familia en Meizoso, vivindo sempre na Serra da Capelada, e vendo como o mundo ía cambiando, ou quizais non cambiou tanto, xa non sei....

Moncho Sabín, autor do retrato, algo debeu de ver nela para convertila na protagonista da súa toma, e o responsable da revista pensaría o mesmo para adicarlle unha páxina completa, nada menos. Acompañaba a imaxe un texto do nos veciño o xornalista Bieito Rubido.

A foto (por certo, impresa do revés:a capilla ten o campanario do outro lado) , amosa á tía Andrea detrás da Capilla do Socorro, tal e como eu a recordo xa moi vagamente, cunha camisa de cuadros e pano na cabeza, e por baixo del un gorro de lá que non había moito que llo tecera miña nai. Posiblemente viña de mirar das vacas que estarían aló por Montalto, igual que hoxe.

O texto, sentido pero con algúns erros, confunde Reboredo con Meizoso, e A Capelada non era un xeneroso pinar cando ela era nova, as plantacións de pinos xa a  colleron a ela cos 50 cumpridos, na súa xuventude era monte baixo a servicio das ovellas, cabras, vacas e bestas que pacían ceibas, fragas e labradíos que traballaban entre todos, moitos máis que agora.

Nunca houbo concentración parcelaria na Capelada (si a houbo, pero non da que pensades, xa falaremos...), nin tuvo fillos nin netos, pero isto Bieito tampouco tiña por que sabelo, e o que conta pasou en moitas casas: uns marcharon, outros por sorte quedaron e traballaron duro, nunha terra que lles daba pouco para o esforzo que pedía pero que chegaba para vivir, a súa  terra. 

Na súa vida viron pasar guerras mundiais e civís; reis, presidentes e dictadores, e sempre sempre lles tocou de facer o mesmo papel:  loitar nun mundo que cambiaba gracias ao seu duro traballo, e que que canto máis cambiaba máis se avergonzaba deles, desagradecido que é.

3 comentarios:

  1. Gracias por esta entrada Juan, por lo que sé la tía Andrea y todos los vecinos de Meizoso se lo merecen!
    Pena que yo no llegué a conocerla personalmente pero gracias a tí ahora pude conocerla algo más!
    Cuantas tuvieron que pasar y ahí estaban, muchísimo más duros de lo que nosotros podremos ser...

    ResponderEliminar
  2. Mira ti que sorpresa!!! Xa teño eu oido falar dela na miña casa,xa sabes canto lle gusta a meu abuelo contar nos contos, se non me equivoco foi a tía Andrea quen lle curou os dedos cando lle estoupou un pistón, ó parecer cunha mezcla de eucalipto, ortigas e outras herbas que ela conocía, disque cando foi ó medico quedou sorprendido do rápido que lle cicatrizara a ferida...saúdos!!!

    ResponderEliminar
  3. Coñecin a Andrea e a sua irmá Josefa, que era a miña madriña da cal gardo mui bon recordo.Na miña casa sempre houbo moito aprezo pola casa dos de MIGUEL, como asi se lle chamaba.

    ResponderEliminar