jueves, 25 de septiembre de 2014

Lírica Teixidesa, o libro


Hai unhas semanas presentamos nun concurrido Auditorio Municipal de Cedeira o libro Lírica Teixidesa, con poesías e cantigas escritas por Antón Suárez Aneiros e ilustrado por fotografías da miña autoría.

Non son imparcial, e non serei eu o que faga aquí unha crítica do libro, pero si direi que é toda unha oda a San Andrés de Teixido, e á Serra da Capelada que o acolle, as súas lendas, tradición, e sobre todo á súa natureza.



Como xa dixen na presentación, seguramente sexa eu un atrevido por meterme nestas aventuras, porque nisto da fotografía a base de pelexar xa vou tendo algo de maña, pero aínda queda moito por mellorar antes de publicar. Agora xa está, espero non defraudar.

No acto de presentación, acompañándonos a Antón e a min estuveron o profesor Alvaro Porto Dapena e o historiador que máis sabe de San Andrés (sin querer despreciar a naide) Rafael Usero. 



Como a separación entre poesía e música non é nada nítida, se é que existe, no acto da presentación houbo actuacións musicais, estreándose sobre un escenario a partitura que se publica no libro. Pido disculpas aos músicos todos que interviron por non nomealos xa que non sei o nome de todos.

Facer un libro é difícil, traballoso, e nos tempos que corren, costoso, por iso quero felicitar a Antón desde aquí por asumir ese traballo, e agradecer por contar conmigo para aportar unha pequena parte de todo ese traballo. E tamén gracias a aqueles amigos que me soportan e axudan á hora de facer fotos que precisan de cooperación, as amigas que brindan a súa barriga embarazada para ilustrar algunha poesía, e en xeral a todos que dunha maneira ou outra colaboraron nisto, incluídos os medios de comunicación que se fixeron eco da publicación (ver aquí entrevista en La Voz de Galicia). Especialmente á empresa que se ocupou da parte técnica da impresión e xestións administrativas, que tamén foiu máis aló do que calquera outro se limitaría a facer: PUBLIMART




O libro está á venta nas principais librerías de Cedeira e na Central Librera de Ferrol, así como nos propios comercios de San Andrés.