domingo, 20 de enero de 2008

Un plan para A Capelada


Hoxe, vinte de xaneiro de 2008, na páxina 20 do Diario de Ferrol ven a toda páxina a nova "Medio Rural traza un plan para explotar la multifuncionalidad de A Capelada". Parece que se van dando conta da grande riqueza que aquí temos, a pesar de que moitos villanos (habitantes da villa) a sigan nomeando con desprezo e aires de superioridade, eles verán.
A noticia é esperanzadora, logo xa veremos como se materializa, pero en principio é algo necesario, xa que hai moito no que poñer orde.
Segundo o meu entender A Capelada ten catro grandes riquezas fundamentais:
- A gandeira
- A botánica
- A xeolóxica
- A cultural e etnográfica

Cada unha delas ten as súas particularidades e problemas, pero vamos por partes:

- A gandeiría: hai moito que ordenar, e moito que pelexar con que se quere atribuiur dereitos que non lle corresponden. O pastoreo en semiliberdade propio de aquí é algo que hai que mimar polos grandes valores medioambientais que conleva, pero isto non quere decir que se podan botar vacas ao monte porque sí. Haberá que estudiar as distintas zonas (de tres concellos, recordemos) cada unha coas suas peculiaridades, e avaliar en que medida é admisible o pastoreo en cada unha delas e estudiar a carga gandeira (habitualmente en UGM/Ha ) que pode soportar para poder preservar a diversidade botánica. Na Capelada hai tres tipos de aproveitamento gandeiro:
- o que ten os animais nas súas parcelas particulares, que son superficies mínimas respecto as outras.
- as vacas e cabalos que están "no monte", que son esas que vemos cruzando a estrada.
- os pastizais "veciñais" (xa explicarei o das comiñas) que están vaiados e explotados en réxime de concesión.
Nas explotacións nos pastos particulares non me meto agora, porque mentres cumpra a legalidade cada un do seu que faga un pandeiro.
Das outras sí que vou opinar, xa que se trata de terreos públicos e que a administración ten a obriga de saber xestionar e non o está a facer. E vou poñer un exemplo concreto de mala xestión que me podería tocar en primeira persoa: eses pastizais supostamente públicos están vetados a un veciño (podería ser eu) que quera crear ou aumentar unha gandería con idea de ter un medio de vida incluso crear algún posto de traballo, xa que pequenos grupos de outros veciños crearon sociedades nas que se inventaron estatutos que lles atribuen a eles mesmos o dereito de decidir quen fai uso do pasto e quen non. Sendo aínda a situación más grave cando a inmensa maioría non teñen na gandería nin na agricultura a súa actividade principal, nin moito menos teñen iniciativas de crear riqueza nin prosperar o máis mínimo, ocupan uns recursos públicos que non teñen ben aproveitados, impedindo con iso que outra xente que puidera ter a iniciativa a leve a cabo, se cadra podes ter a sorte que algún deses decida vender e podas comprar os dereitos ¡¡¡¡¿pero que dereitos?!!!!
A cousa pasa por facer limpeza, a maioría dos que hoxe explotan os pastos teñen dereito a facelo, pero non dereito a decidir quen máis o pode facer. Hai que inventariar os recursos dispoñibles, ver o que poden dar de si e logo establecer uns baremos para decidir quen debería explotalos e en que medida. Nestes baremos habería que incluir o ser veciño empadronado e residente real na Capelada (non no Concello, nas aldeas da Capelada), valorar na súa xusta medida os dereitos históricos e por suposto a idade e plan de explotación, xa que moitos dos que hoxe explotan o pastizal xa están xubilados desde hai anos taponando a algún xoven emprendeor, que o hai.
Queda o monte, no que si teño dereito, pero non lle recomendaría a niguén que invertira diñeiro para críar gando así. Iso é un descontrol, tierra de nadie, e totalmente inxestionable desde un punto de vista sanitario, nutricional, xenealóxico, etc, etc, o que o fai inviable para quen quera traballar en serio. Habería que crear unidades de xestión (pode que unha ADS) dirixidas por algún técnico cualificado na que se dictaran as pautas a seguir e se tuvera todo controlado. Mesmo se podería facer unha gran zona de recuperación de razas autóctonas exemplar en toda Europa se se impedira introducir exemplares foráneos ou comercializar todo o producido en común baixo o amparo duha especie de IXP na que se puxeran en valor os productos obtidos con este tipo de crianza de primeirísima calidade.
Hai moitos máis problemas, pero creo que estes son os máis importantes e urxentes en canto a gandería.
- A botánica: A Capelada ten unha grande riqueza botánica, quizais as xoias sexan a Centaurea Borjae e o H. wilsonii, pero non hai que esquecer a riqueza en liques, a impresionante variedade de ericaces (brañas e queirogas), as amplas zonas de turbeira, e por suposto as poucas fragas que van quedando. Estas fragas serían o de máis urxente actuación e xestión (e digo xestión, non prohibindo aproveitamentos sensatos) xa que están continuamente amezadas por talas, verquidos de escombros, basuras, excesiva densidade animal en zonas, turismo incontrolado etc, etc.
As plantacións forestais, é hora de que a administración empece a dar exemplo, xa que non se trata de encher os cotos de piñeiros para logo cortar a matarrasa, e aínda peor, que nada dese diñeiro quede na Capelada, xa que históricamente sirveu para suplir a falta de finanzamento do concello por outros conceptos, usando esa financiaciön para obras e servizos que se prestan alí onde son máis rendibles en votos: na vila.
Logo hai o das setas, habería que regular a súa explotación cuns baremos similares aos propostos para a explotación gandeira, e ver quen ten dereito e quen non. E facer unha lonxa en algunha aldea da Capelada para acabar co trapicheo, entorno a dita lonxa se poderían ir creando outros servicios relacionados.A cousa tamén pasa por facer estudios e plans de xestión sostibles, ten que haber un sitio para cada cousa e ter cada couda no seu sitio, así de fácil, ou así de complicado
- A xeolóxica: calquera que pasa horas no monte estará afeito a ver frecuentemente coches e autobuses de Universidade de Oviedo, da de Santiago, da Complutense de Madrid e de outras rondando por aquí, mesmo os máis vellos de Cariño recordan cando empezaron a vir os holandeses, e non é casualidade, A Capelada é dunha riqueza única para o estudo de xeoloxía a nivel mundial, pero como en outras moitas cousas parece que teñen que vir de fora para dicirnolo, e aínda así non o queremos recoñecer. Na xeoloxía hai que incluir os imporesionantes acantilados que tantos miles de visitantes atraen cada ano, miles de visitantes que veñen, fan a foto e marchan, sin que ninguén lles explique nada nin deixen aquí máis que algo de basura tirada polas cunetas.A explotación industrial é un despropósito, o da mina de Landoi é vergonzoso como actúan, como auténticos propietarios de todo, destrozando sen miramentos todo aquilo que lles estorba, e sin preocuparse de canto lodo vai parar á ría de Ortigueira.
E como sempre, a cambio de case nada.
- A cultural e etnográfica: non se pode esquencer que a capital turística da zona é San Andrés de Teixido. Lugar rodeado de lendas e crenzas de todo tipo desde épocas precristianas, pero que tampouco sabemos aproveitar. Do estado, estética e negocios da aldea non creo que teña que explicar moito, pois creo que todos os que por alí pasamos pensaremos parecido. Pero é que etnográficamente tamén temos outos actos como é a rapa das bestas, "festa" hoxendía enfocada cara o espéctaculo no curro, desaproveitando a oportunidade de xuntar a tanta xente para explicarlle o funcionamento dese tipo de gandería, a súa historia, os seus motivos e porque ten que seguir existindo. Hai monumentos megalíticos repartidos por toda a serra, temos mamoas no medio de aeroxeradores, amilladoiros reducidos á mínima expresión tras ser ocupados por pistas, dolmenes tirados para sacar a madeira,... pero seguro que son contados os cariñeses ou cedeireses capaces de nomear algún deles, igual que moitos ignoraran antigos aproveitamentos mineiros dos que aínda quedan restos na zona de Herbeira.

Todas estas riquezas tiñan que servir para ser explotadas sensatamente, creando unha xusta riqueza que sirva para fixar población en toda a Capelada, facendo desta un bo lugar para vivir dignamente, evitando que aldeas enteiras vaian quedando despoboadas e as silvas e as hedras vaian cubrindo as casas que tanto esforzo costou facer.
Esperemos que os técnicos que teñen que elaborar o plan pensen nestas cousas, o fagan desde a Capelada e non desde o despacho de Santiago, que veñan, que falen cos veciños e que entendan todos os condicionantes antes de elaborar un plan que vai condicionar, para ben e para o mal, os próximos anos.

1 comentario:

  1. Eu tamén espero que teñan todo iso en conta á hora de elaborar ese plan :o)
    E graciñas.
    Non se me ocorre nada máis que dicirche gracias por levar este blog. Téñolle moito cariño á Capelada, a pesar de non coñecela en toda a sua inmensidade e por iso aprecio moito a tua labor e sigo este blog. Saúdos.

    ResponderEliminar