domingo, 29 de abril de 2007

As fragas


Cada vez van quedando menos fragas na Capelada, e as poucas que aínda resisten non é pola nosa preocupación en conservalas, é gracias á axuda do terreo, que ben por ser empinado ou por ter accesos complicados non permitiu que fosen arrasadas para ser invadidas polos "rentabilísimos" eucaliptos e pinos.

A inmensa maioría das que quedan son propiedade privada, aínda que moitas veces o dono non sabe nin que as ten, pois de sabelo seguramente xa non estarían ahí. Moitas son parte de herdanzas sen repartir, de emigrantes que nunca volveron ou que o fixeron xa moi vellos para ir traballar ao monte...





Por iso podemos consideralas horfas, e debemos preocuparnos delas como tal, xa que co despoboamento das aldeas son presa fácil de expoliadores, maderistas que "confunden os marcos", e incluso ladróns que fan falsas escrituras para poder quedarse con terreos que non lles pertencen xa que a maioría non teñen escrituras públicas nin están rexistrados.


Chamo a toda a xente de ben, con sensibilidade polo noso patrimonio natural, a coñecer as nosas últimas fragas, a disfrutalas, a conservalas e a defendelas como os restos dunha riqueza e dunha cultura gracias á que hoxe somos o que somos (para ben e para mal).

Gustaríame que todos as consideraramos como algo noso, que velaramos por elas, e que o máis mínimo atentado se lle fixera chegar ás autoridades competente. E por que non, tamén invito, a aqueles que podan, a facelas súas de verdade, a comprar terreos con fragas, para así conservalas activamente, e ter unha inversión de futuro máis rendible que outras con moita máis fama.





Para moitas xa é tarde, pero as que quedan aínda merecen a pena.